Saturday 27 de April de 2024

Membros do equipo de goberno de Ribeira reúnense con Monbus para facer fronte ás necesidades do transporte escolar


O alcalde de Ribeira e a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, mantiveron hoxe unha reunión con representantes de Monbus; na que tamén estiveron presentes os directores do instituto Nº 1 e Leliadoura; e membros da Policía Local de Ribeira.

Dende o Concello trasladáronselle á empresa tódolos problemas que se están rexistrando de xeito recorrente no transporte escolar. A empresa comprometeuse a adoptar medidas para facer fronte ás deficiencias que se detectaron nas distintas parroquias do Concello e vaise a estudar a reestruturación dalgunha liña para “evitar que os rapaces queden en terra ou cheguen tarde ao centro escolar ou ás súas vivendas” explicou a concelleira Cruz Rivadulla.

Con respecto ao alumnado no Nº 1 vanse a estudar medidas para resolver os problemas nalgúns puntos conflitivos en Palmeira ou na parada das Avesadas; e no caso do alumnado do Leliadoura intentarase mellorar a ruta Padín-Frións e Pobra-Frións que dá servizo a Palmeira e Deán. Na parroquia de Corrubedo a empresa comprometeuse a ampliar o número de prazas desa liña para evitar que o alumnado quede sen transporte.

Dende o equipo de goberno tamén se lle trasladou a Monbus a necesidade de ampliar a información dos seus horarios nas marquesiñas. A empresa procederá a detallar a información dos horarios actualizados mediante códigos QR e imprimir cartaces con horarios para as paradas máis concorridas. Ademáis, instouselle a cumprir os horarios para evitar atrasos da circulación das liñas.

“Por parte da empresa houbo boa disposición para tratar ese problemas e tratouse incluso unha posible mellora do transporte dende Ribeira ata Santiago de Compostela” explica o rexedor. “Pola nosa parte seguiremos vixiando o cumprimento dos servizos para que estas medidas se cumpran e velaremos polos intereses de toda a poboación que usa o transporte público. Neste sentido a policía local seguirá levantando acta dos incumprimentos que se detecten e trasladaranse á empresa.

Por último, e ante a infradotación de prazas de varias liñas, Luís Pérez destacou que lle trasladarán á Xunta unha petición para reconfigurar as rutas e ampliar prazas nas distintas liñas de bus que dan servizo aos escolares.